VARes e repescas
Mark Cavendish, da Illa de Man, 39 castañas, inglés incomprensible... chegou á meta de Rímini con 40 minutos de retraso sobre o gañador. Estaba enfermo. Durante a retransmisión víronse imaxes del vomitando e admitiron ó final da etapa que tiña problemas estomacais. O obxectivo que ten tanto sufrimento é o de superar o rexistro de 34 victorias de etapa que ten Eddy Merckx no Tour de Francia.
Se houbese unha comisión encargada do bo gusto —apunta, Pedro Sánchez—, esto non estaría permitido. O mellor ciclista da historia non debería verse superado por un vulgar esprinter que non é capaz de escalar unha beirarrúa. Cavendish podería bater a marca de Merckx mesmo se acaba na clasificación xeral a cinco horas do vencedor final. Noutras épocas teríao moito máis difícil para ter conseguido tantas victorias, sobre todo as das últimas etapas de cada edición. Daquela, os controles de tempo eran máis estrictos e moitos ciclistas eran expulsados se acumulaban tanto retraso.
Esto ocorre porque os candidatos a caer fóra de control conspiraban para chegar no mesmo grupo e obrigaban á organización a recuperalos ou a quedar sen medio pelotón para o resto da carreira. As voltas ciclistas tomaron a simple decisión de flexibilizar as regras para evitar as consecuencias negativas, mais tamén tiveron que sufrir situacións indesexables como victorias en clasificacións secundarias de ciclistas repescados. Unha mellor solución non era difícil: bastaba con limitar o número de eliminados ós últimos 10 ou 20 clasificados na etapa aínda que estiveran no mesmo grupo que outros moitos.
Varios centos de kilómetros ó norte do sufrimento de Cavendish, Alemaña eliminaba a Dinamarca na Eurocopa baixo unha treboada e unha arbitraxe polémica. A chegada da tecnoloxía á aplicación da paz e a xustiza vén con case tanto debate como as presións da prensa madridista ó colectivo arbitral español.
Algunhas críticas parécenme inxustas. Cuestionar a regra do fóra de xogo agora que, por fin, temos unha maneira precisa de aplicalo só pode levar a cambios que empeoren o regulamento. Sexa a parte máis adiantada ou o corpo enteiro, ó final, sempre haberá unha liña clara que separa a posición correcta da incorrecta.
Outra cousa distinta é a sinalización dos penaltis. Antes, cando as situacións non eran claras, arranxábanse co árbitro mirando para outro lado. A man pitada en contra de Dinamarca que supuxo o primeiro gol poucas veces sería apreciada polo árbitro na época sen videoarbitraxe.
A solución é cambiar a regra, pero evitando facelo de maneira trabucada, como cas repescas en ciclismo. Xa os árbitros manexan a consideración de 'xogada prometedora' e a de 'ocasión clara de gol' para decidir se mostrar cartón nalgunhas circunstancias. Unha infracción que desbaratase unha ocasión clara de gol debería ser penalti, aínda que fose no medio de campo; e unha que interrumpise unha xogada prometedora podería sinalarse cun libre directo dende o semicírculo da área do infractor.