Universal soldier (1992)
Un cambio de plataforma de streaming é un momento moi delicado. Pode ocorrer que, para probar as características do novo sistema, un acabe vendo unha película na que non tiña, en principio, interese ningún. Acordábame da existencia del gracias ós VHS da época, cando non había acceso directo e era preciso avanzar a cinta rápidamente ou pasar polos anuncios doutras películas e o ameazante "Prohibida la reproducción total o parcial..."
Se tivese a oportunidade de vela naquela época sería con moita máis apetencia que agora. Foi a casualidade a que fixo que caese por primeira vez nun xénero que xa non me gusta tanto, pero que me encantaba de neno, supoño que como a maioría. Non me decepcionaría no seu momento e, curiosamente, tampouco agora.
Resulta que para estes traballos Roland Emmerich é o director adecuado. Para comezar, ensínanos un espectacular rescate de reféns na famosísima nos Estados Unidos presa Hoover. Un grupo de supersoldados de élite capaz de resistir golpes, disparos e esprintes costa abaixo en pendentes imposibles resolve a situación de maneira impecable... pero algo lles falla nas cabezas.
Unha periodista entremetida e fumadora (Ally Walker) descubre este proxecto secreto do exército americano. Cando a descobren a ela, consigue escapar dos militares —o seu compañeiro da cámara non— gracias a un dos soldados (Jean-Claude van Damme). Mentres son perseguidos polo líder do grupo, un Dolph Lundgren que se seguía dopando como en Rocky IV, ela observa as novas habelencias destes militares, como empurrar vehículos a velocidades legales en autopista sen fatigarse ou comer coma Son Goku despois dun combate; pero tamén que necesitan refrixerarse con frecuencia. A termodinámica é implacable mesmo no cine de patada e pirotecnia.
Estas unidades son soldados que faleceran na guerra de Vietnam pero foran reanimados para poder evolucionalos ós combatentes perfectos, con supercapacidades físicas e sen memoria; pero non conseguiron resolver todos os problemas...
Esta película ten un par de virtudes: una duración axustada e un reparto ben escollido. Nada mellor que Dolph Lundgren e Jean Claude van Damme para facer de resucidatos inexpresivos. No pouco máis de hora e media que dura chega para facer unha historia de acción sen pretensións filosóficas e que inclúa un par dos clixés do xénero, coma o malo que parece morto pero volve aparecer ou o susto que levan os protagonistas por non mirar no asento de atrás do coche cando entran.
Calquera intento de estender a metraxe levaría a complicación difíciles de xustificar. ¿Cales serían as posibilidades? Bastante prudentes foron de non incluír product placement de funerarias ou de exércitos que non resistiría o correctismo político posterior ou de relacionar á xornalista co experimento para ofender a ambos colectivos e tamén o de fumadores.