Unha larada no medio do campo

Unha larada no medio do campo
Photo by dodohawe show / Unsplash

Aqueles 85 minutos de retraso leváranme para a cama por culpa de traspasar a hora estipulada. Era un neno, pero como ía facer a primeira comunión un pouco antes que a maioría, xa tiña case uso de razón para terlle medo ó Conde Drácula, ós lagartos de V e á retranca de miña avoa. Por eso a porta estaba aberta e seguramente algunha luz acendida. Vin pasar a meu pai e pregunteille.

—Como van?

—Aínda non acabou. Agora prenderon unha larada no medio do campo —contestoume.

Un ano despois, en Sevilla, o Barcelona de Schuster tiña a oportunidade de estrear o palmarés na Copa de Europa. Non parecía o Steaua de Bucarest un rival moi complicado. Eran comunistas e xa estaba o modelo un pouco de capa caída. Reagan contaba mellor os chistes que Gorbachov e Rocky déralle unha malleira espectacular a Iván Drago. Ese día aprendín e sufrín como se resolve unha final en prórroga e penaltis. Cando un empeza a ver fútbol, un penalti parece un ser sobrenatural que é todopoderoso e infalible. Non foi pequena a miña sorpresa cando vin fallar seis tiros de oito que houbo en total na tanda para que gañaran os rumanos sen recibir un só gol.

Aquela tempada, chegaron tres equipos españois ás finais das tres competicións europeas. Algúns comunistas eran tan románticos como para pelexar ata o final e o Dinamo de Kiev tamén derrotou ó Atlético na Recopa. Só conseguiu o Real de Mordor vencer na Copa da UEFA. Metera cinco goles na ida e eso foi definitivo, pero no partido de volta, Klaus Allofs, dianteiro do equipo rival do Colonia, pegoulle á bola co tacón, unha manobra que me pareceu de excelencia suprema.

Eses pequenos detalles que nunca vira e que me chamaron a atención forman os primeiros recordos de partidos que vin por televisión. Hai outros coma o gol anulado a Míchel no mundial en México dese mesmo ano e algún en primeira persona, como o meu debut dándolle patadas ó aire a ás herbas, no estadio olímpico de Os Aghriños, contra un combinado de Pedrafigueira.

Allofs iría convocado tamén a ese mundial e anotaría dous goles —non de tacón— no estadio de La Corregidora, en Querétaro. O nome desta cidade xa o recordará moita máis xente; non é nada frecuente que un futbolista, aínda que sexa Butragueño, marque catro goles nin que o partido no goberno se anuncie subliminalmente despois dun deles.

Pero ningún destes é o primeiro recordo. Fai poucos días, cumplíronse 39 anos do falecemento de 39 personas no estadio de Heysel, na final da Copa de Europa do 85 e eu sígome acordándome daquela larada no medio do campo. Un partido que non vin, pero que será sempre o meu primeiro partido porque xa era unha persona moi literal, que interpretou que ese medio do campo era literalmente o círculo central e non entendía como se podía xogar.

Tomás Rial

Tomás Rial

O Rial