Topónimos e lugares
Durante os confinamentos, ademáis de acumular papel hixiénico e insultar pola ventana ós pais que paseaban ós seus fillos con necesidades especiais, dei en consumir unha cantidade tóxica de vídeos de YouTube. Por pura imposibilidade temporal, a acumulación levou a unha selección natural que foi descartando os contidos de contabilidade e teoría da música e escollendo os de mecánica e historia antiga.
Disfrutei bastante dunha serie de conferencias do Museo Arqueológico Nacional sobre as linguas paleohispánicas. Nunha delas, mostraban un mapa da península ibérica con topónimos que diferenciaban áreas lingüísticas indoeuropeas, ibéricas e tartésicas. Xa sempre tivera interese por saber a orixe dos nomes dos lugares dos meus old stomping grounds e a curiosidade medrou despois de coñecer os métodos e investigacións dos paleolingüistas.
Nas miñas superficiais e deslabazadas investigacións fun considerando hipóteses máis que coñecendo certezas e comparto unhas poucas como curiosidades de aficionado que ninguén debería tomar como nada definitivo.
Hai varios nomes de lugar dentro da parroquia de Lira que son palabras que aínda manteñen o significado na actualidade, como Remedios, Agrovello, A Rúa, A Beirada, Mar de Lira, Sanguiñal, Carballal, Pazo, Maceiras, Teixoeira ou o mesmo Portocubelo, que non deixa de ser un Porto con forma de cubelo, de cubo pequeno.
Outros terían orixe no Latín, como Paus, que pode vir da palabra pagus, co significado de campo ou agro; ou Romariz, que vería de Romarici, o xenitivo latino do nome xermánico Romaricus. Para Sofán, gústame a explicación desta páxina sobre topónimos de Cantabria, que me parece que encaixa pola forma do monte:
Si aceptamos la etimología indicada para el topónimo Fano (= monte mocho), hemos de concluir que SOANO y SUANO significan "bajo el monte mocho" (o de cumbre recortada).
O Rial podería ter a mesma orixe que O Rial de Antas de Ulla. Segundo a wikipedia:
O topónimo O Rial é un hidrónimo derivado do latín Rīvālis, referido a un pequeno curso de auga
Sería entonces o famosísimo río do Campo o que lle da nome ó lugar de residencia de tantos talentos.
Para Sestelos, atopei dúas explicacións, unha que non me gusta moito, tamén da wikipedia:
O topónimo galego Sestelo, variante vulgar de Sextullus, diminutivo do antropónimo Sextus
Prefiro a desta páxina sobre topónimos de Viveiro:
García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva.
Lira sería de orixe prerromano, co significado de terras que hai entre dous ríos ou dúas cristas ou lombas que converxen.
Faltaría Miñarzo. Como o lugar está bastante cerca do castro, pensei se podía ter a mesma orixe que o río Miño. Despois de preguntarlle a algúns xubilados se había por alí algún río con ese nome non conseguín nada. Podería vir de miñato, que é un nome de paxaro e tamén de peixe; pero esto é especulativo mesmo para a grande cantidade de especulacións que hai neste post.