Sobre este sitio

Este é o meu blog personal adicado ós habitantes do alto do Rial, ó resto de habitantes do planeta e ós extraterrestres que nos estean a observar. Empregarei como case única ferramenta o dialecto xunteiro do continuo galego-portugués con algunhas seccións en francés, inglés e serbocroata, todas elas salpicadas con castelanismos, faltas de ortografía e micromachismos.

Os temas principais serán o de dar publicidade a productos de autocultivo, consellos para acadar a inmortalidade da alma e recomendacións sobre os mellores xeados e postres. Tratarei de compartir a miña cosmovisión sen meterme moito en política nin facer caso a culés e madridistas. Prometo críticas á xestión da directiva, ás fichaxes e ós plantexamentos tácticos do noso deportiviño.

Haberá comentarios destrutivos sobre o contido que consumo en directo, en diferido ou en intravenoso: moitas películas, algúns libros e cómics, menos xogos e videoxogos e case ningunha serie de televisión. Comentarei ocasionalmente partidos de andebol de seleccións, carreiras ciclistas en superficies alternativas e vídeos de Djalminha.

Admítense regalos, dádivas, donacións e cans e gatos acompañados polos seus donos. Non se atenden rogos, preguntas, comentarios, opinións, suxerencias, críticas, reclamacións nin chamadas de teléfono. Tampouco se fan tests covid, cambios de sexo nin se curan ideoloxías e relixións.