Rapa
Tomás, un profesor de instituto cun diagnóstico de ELA e ningunha vocación polo ensino, e Maite, unha sarxento da Garda Civil de signo do Zodíaco descoñecido, enléanse para resolver crimes conxuntamente despois de que el fose a única testemuña do asasinato da alcaldesa de Cedeira.
A profesionalidade dela e a curiosidade del compleméntanse mellor que os seus caracteres e van avanzando nos casos no medio de múltiples discusións e discrepancias. Como pasa moitas veces cas persoas de caracter forte ou insoportables, acábanse levando ben para non chegar as mans e acaban sentindo un respecto mutuo que lles permite, en primeiro lugar, aguantarse persoalmente para poder traballar xuntos; e despois, manter unha boa relación persoal fortemente matizada polas circunstancias da enfermidade do profesor.
Contra a miña reticencia a ver series, pesou a localización galega e o número reducido de capítulos por tempada. Da para estar satisfeito; aínda que o de rapa non teña moito que ver co que despois pasa (só aparecen cabalos salvaxes nun par de episodios) as historias están ben escritas, con subtramas ben coidadas e resoltas, e personaxes con claros e escuros. O desexo de que algúns queden impunes dalgún xeito e outros poidan librarse sen merecelo é un debate que se plantexa seguido. Tamén nos mostra continuamente paisaxes locais a golpe de drone, algúns deles sen alcolitos.
Por tempadas vai mellorando, secadra por irse un facendo cos personaxes ou por ir entendendo mellor a forma de funcionar dos guionistas. Dou unha pista para quen a queira: funciona máis como a serie de Colombo que como as novelas de Agatha Christie. É un erro perderse pensando que nos van despistar facéndonos sospeitar de inocentes, trátase máis de descubrir como pasaron as cousas que saber quen son os culpables, aínda que tamén hai algo diso.
Seguramente sexa máis crible para quen non sexa galego. Os nativos temos que ver en papeis serios en castelán a actores que case sempre disfrutamos como personaxes cómicos na nosa lingua. Ver a Carlos Blanco deixar os monólogos e a Federico Pérez Rey a piromanía anónima e o bar Puskas para faceren de militares é algo ó que hai que acostumarse. Tamén descubrimos o motivo de que Miguel de Lira non tivese tantos minutos no Festórreo deste ano: estaba en prisión preventiva como sospeitoso dun grave crime.
Ó final queda todo ben pechado, cas tramas completándose grazas a detalles ben cultivados nos capítulos anteriores. Cada tempada vai desenleando de xeito máis sutil e elegante os casos plantexados, acadando o clímax narrativo na última intervención de Tomás, cando por fin decide inesperadamente facer algo máis de xuíz que de policía para crear a historia en lugar de resolvela. Só queda sen aclarar unha cousa, pero non é un final aberto ó uso, é simplemente unha maneira de deixar sen finalizar totalmente o debate sobre a impunidade.