Presidente escotet

Presidente escotet
Photo by François Suárez / Unsplash

O das sociedades anónimas deportivas non é o meu modelo. A ninguén lle interesa que o seu equipo reparta dividendos e sí que gaste todo o posible en ter os mellores resultados deportivos. A conversión obligatoria usurpou a propiedade ós abonados sen solucionar os problemas de endebedamento e houbo que acabar recurrindo ó fair play financiero, que xa era o que tiñan que ter feito nos anos noventa.

O sistema político ideal do Deportivo daquel tempo sería o de Lendoiro de presidente e unha caixa dos cartos con tres candados e tres chaves gardadas por tres persoas autorizadas diferentes. Os presidentes case plenipotenciarios, ademáis de encher periódicos con queixas e provocacións, tiñan unha visión global do seu clube que permitía unha xestión máis eficiente, claro que con pequenos defectos de gastar demasiado duns, de despedir demasiados entrenadores doutros e de forofismo case relixioso en xeral.

Substituir a Lopera e Caneda por Peterman e Peter Lim non mellorou a xestión nin evitou as quebras e alonxou ós seguidores dos seus equipos. En LaCoru, no tránsito cara a adquisición case total por Abanca, tivemos presidentes ben curiosos antes de que Escotet, á fin, decidira dar a cara polo que realmente xa facía.

Couceiro foi o meu favorito, un gentilhombre con pinta de gentilhombre que sabía que alí non mandaba absolutamente nada e tivo a intelixencia de manter limpa a sala de trofeos e abrirlles as portas ás señoras, ademáis de tomar nota nas roldas de prensa para aparentar que lle interesaban as preguntas. Tino foi demasiado ambicioso cando xa non había potencial e Fernando Vidal intentou mandar onde era imposible. Paco Zas non pasaba de títere de Tino, pero foi o primeiro presidente en conseguir que caducaran moitas ITVs mentres él falaba paseniñamente no Youtube.

Neste último consello de administración, xúntanse con Escotet a sobriña, o chichí do mestre, a conselleira que lle privatizou as caixas e o exfutbolista que non molesta. Se algo queda claro é quen é o propietario, pero segue sen ser nada sen os afeccionados. Só desexo que algún ano non teñan tanta presa en renovar os abonos, para que algún se vaia dando conta do poder que teñen.

Tomás Rial

Tomás Rial

O Rial