Pogačar III

Este ano, o Tour empezou cunha historia fermosa. Contóunala esta vez Romain Bardet, que conseguiu vestir o maillot de líder por primeira vez na súa última participación. Por beleza, por épica, por xusticia... o deporte vive de grandes guións. O problema é que non están escritos por adiantado e hainos que ir facendo mentres un pelotón máis forte e numeroso se aproxima para fastidiar o final.

Cada ano, hai un lugar do territorio francés e arredores onde se cruzan as ganas de A.S.O. de facturar millonadas e a dos representantes públicos de promocionar as súas rexións e cidades e tamén, sobre todo, a súa imaxe para conseguir que os sigan votando. Ese lugar ese ano era Florencia e, ademáis do inicio, acolleu xa o xoves pasado a presentación de corredores e equipos.

Pogačar chegou, viu e sorriu. Cando oiu os aplausos animou ós asistentes a que seguiran animando, con timing preciso e linguaxe corporal perfecta. Non lle chega con ser o mellor subindo e en crono, en clásicas e en voltas, tamén sabe vencer no terreo das relacións públicas.

Por moito que xa correra e gañara o Giro e puidese estar desgastado, non semella que haxa quen lle poda facer fronte este ano. Vingegaard ven de sufrir graves lesións, Egan Bernal aínda non recuperou completamente das súas e Roglič podería ser xa maior. Atención ó último porque chamou a atención pola súa delgadez. Aínda sen consenso nos foros de afecionados se é por perda de peso ou por levar unha camiseta máis escura, hai que lembrar a receta para gañar unha carreira de tres semanas: poucos kilos e moitos glóbulos vermellos. O problema que pode ter é a súa tendencia ás caídas. O contacto directo de óso con asfalto soe ser perxudicial para o óso.

Aparte do medo que lle poidan ter a Tadej, non hai demasiada crono nin montaña dura e a esperanza dun espectáculo épico dependerá dalgunha casualidade que cambie o discorrer esperado. Por querer non resolver as carreiras antes de tempo e intentar convencer ó público de que os ciclistas xa non se dopan tanto, reduciuse moito a dureza e a lonxitude dos esforzos. Triunfou un modelo que inventou a Vuelta a España, buscando pequenas diferencias de segundos cada día para ter sempre un pouco de espectáculo, pero que nega as grandes xestas doutras épocas.

A vantaxe é que para entreter en etapas que antes eran de transición, hai que buscar outras dificultades, habitualmente en forma de cotas, paso por lugares ventosos ou revirados e superficies alternativas de terra ou adoquinado. Este ano, xunto ca brigada anti-penes, as novidades son os chemins de vigne —tramos de terra— da etapa de Troyes e, cousa do demo e dos Xogos Olímpicos, o final en Niza.

As etapas do último sábado e domingo teñen un deseño perfecto se a carreira non queda decidida antes. Un perfecto encadeado de montaña nunta etapa curta, que pode ser intensa dende o comezo, e un fin de festa en forma de crono onde se podería decidir o vencedor. Agora que ningún francés é xa favorito na xeral, a organización pódese permitir estas cousas sen risco de que lles ocorra algo tan ferinte como o de Fignon no 1989.

Pogačar podería quedar sen a súa terceira victoria no Tour por desfalecemento nesta última fin de semana despois de tantos esforzos acumulados na tempada. Antes, será moi difícil derrotalo en bloques de montaña con poucas posibilidades de ataques antes da última costa. A etapa con tramos de terra e a de Sestriere e Galibier poden ser máis perigosas porque os equipos poden ser importantes. O único problema é que o seu equipo ten pinta de ser o mellor de todos.

Tomás Rial

Tomás Rial

O Rial