Plan coeur
Cando un aprendeu castelán e inglés grazas á televisión e a primos que os falan, é comprensible empregar a mesma estratexia para calquera outro idioma. Sen familiares na francofonía, debo poñer o foco no tema audiovisual para tentar acabar de facerme con aquela lingua ca que comecei, case por accidente, cando no seu momento a escollín como optativa.
Incorporei tamén os podcasts por unha cuestión práctica, son perfectos para escoitar durante os paseos, que ía dar con auriculares ou sen eles. Con eles e os subtítulos, o meu nivel chegou a un estancamento nunha alta capacidade de entender un rexistro formal como o de telediarios ou documentais e baixísima para a fala máis cotiá que podo escoitar en series ou películas. Consigo ler con moi poucas dificultades mentres non se xunten demasiadas palabras que non coñezo, ou que non podo interpretar polas outras linguas que domino. Non son capaz de falar case nada por falta de práctica.
Co inglés, o meu proceso foi o de ver primeiro o contido con subtítulos, despois sen eles con cascos, e finalmente, sen ningunha axuda. O resultado non é perfecto, pero permitiume chegar a un punto no que podo practicar disfrutando e priorizo a parte de disfrutar; se sei que non vou entender unha película, xa non me esforzo en vela con subtítulos para mellorar, vexo a versión doblada.
Pero en francés, hai demasiada distancia entre os rexistros que comprendo e os que non. Por moito que faga uso dos auriculares, non dou entendido o suficiente como para disfrutar das producións. A decisión final xa a tiña que ter tomado antes: estropear series que non me interesan véndoas sen subtítulos entendendo pouco, en lugar de deixar de disfrutar de películas que si que me interesan por ter que velas con subtítulos.
De Plan Coeur pouco podo dicir, non me enterei de case nada. Vai dun grupo de amigas e as súas relacións persoais. Seguramente sexa máis divertida para quen entenda ben os chistes. Deberon de axustar mal o presuposto cando o último capítulo dura só vinte minutos e fai bastante recordo dos feitos pasados durante toda a serie. Para min, foi unha vantaxe; puiden facerme cunha visión máis global da historia ó tempo que notei que a miña comprensión mellorara algo. Semella que a estratexia é a correcta e espero escribir próximamente sobre novas series que non me interesan moito e que non entendín demasiado ben.