De patadas a defensas e entrenadores calvos

Cando se trata de dar patadas ós defensas rivais, prefiro o estilo deliberado de Pelícano Svensson ó accidental de Álvaro Morata. No fútbol actual non chega ca posesión, os expected goals ou as bolas quentes nos sorteos, é necesario impoñerse ó rival na relación entre patadas emitidas e recibidas. Para un dianteiro agresor, a intención é unha cualidade superior á torpeza; os compañeiros poden predecir máis fácilmente as súas accións e buscar xogadas máis efectivas.

Aporta moito, din. Fai grupo, é bo capitán, fala un español ás veces decente... Engadiría a incapacidade do dianteiro centro titular de eclipsar ós seus compañeiros. Unha das virtudes desta selección española foi o xogo en equipo. A falta de puntería do 7 de España diversifica a ofensiva, polo menos mentres os chavalitos das bandas manteñan a humildade e non esixan galóns.

O equipo segue sen motivarme demasiado e tampouco vou defender agora ós entrenadores calvos, aínda que fagan pesas. Si que os extremos estiveron mellor do que se esperaba, pero a aparición de Olmo foi pola lesión de Pedri e non pola decisión do manager. De Rodri, incluído, cara adiante vale case todo. Cara atrás, non vale case nada. Carvajal non vai durar sempre e Cucurella resistiu grazas a facer quilómetros e moitas axudas. Laporte estivo mellor do esperado despois dun ano en Arabia e Le Normand debería fichar polo Atlético para facer con Simeone un máster defensivo en tácticas, estratexias e trapalladas.

Convén non enganarse cas posibilidades de futuro. Os maiores artífices da victoria española foron Southgate e Deschamps, que non saben o que facer ca calidade que teñen. Se Zidane se pon a xestionar Francia como fixo co Real Madrid, Mbappé ben pode gañar outro mundial en Norteamérica. Os ingleses tamén teñen opcións se dan cun entrenador que administre e compaxine as moitas cualidades físicas e técnicas dos seus xogadores.

España ten que seguir ca mesma idea. Será fácil se non aparece un dianteiro centro con máis talento para os man a man contra o porteiro. O erro a evitar sería esixirlle demasiado a Lamine Yamal. É boísimo, pero non ten a velocidade dos mellores da historia, dos que son capaces de gañar case por eles mesmos. Non hai que abandonar o xogo coral e si atopar un porteiro que non dea tantos pases ós contrarios. Para os ocos que van ir aparecendo na defensa, o mellor será ir facendo nacionalizacións xa en xuveniles, a ver se non se nota tanto.

Tomás Rial

Tomás Rial

O Rial