Memento (2000)
Sabía o truco a primeira vez que a vin e eso salvoume do desconcerto e da necesidade de ter que volver a vela pouco despois. O detalle é moi bo para ser orixinal e para conseguir que a xente pague dúas veces no cine pola mesma película.
É moi importante fixarse no que pasa dende o principio. Todo esta aí, pero non é explícito. Para os que vemos cine fundamentalmente como entretemento é moi difícil darse conta. Ademáis, hai dous tipos de esceas, unhas co truco e outras sen el. Aínda así e considerando o enorme número de cambios de contexto, o guión está feito con total precisión. Obriga a prestar atención en todo momento pero explica todo completamente a quen o faga.
Acuso habitualmente a Nolan, malia ser un dos meus directores favoritos, de complicar as cousas artificialmente. Pásalle nas dúas últimas da súa triloxía de Batman, en The Prestige, Tenet ou Interstellar. Non aquí, como tampouco en Inception, que son, para min, as súas mellores obras. Todo queda autocontido e completo. O final explica o principio no mesmo punto e sen que nada, mesmo cas revelacións do final, quede solto.
Guy Pearce está brillante en poñer cara de non enterarse da pataca, tirar polaroids e escribir rápido. Despois dun trauma, o seu personaxe quedou incapaz de formar novos recordos e debe apañarse con fotos, notas e tatuaxes ca información máis importante para sobrevivir e perseguir o seu obxectivo de vingarse do violador e asesino da súa muller.
Joe Pantoliano e Carrie-Ann Moss seguían enfadados da movida que tiveran en Matrix e pelexan por aproveitarse do problema do protagonista e manipulalo para os seus propósitos. Ela sae vencedora e él consegue caerlle mal a todos, comezando e acabando polo enfermo. Outros personaxes menos importantes tamén se aproveitan del con pequenas estafas ou bromas. Para o espectador, ofrece momentos ben tirados non tanto de humor como de ironía.
O outro protagonista é Sammy Jenkins, sempre presente como punto de referencia por ser alguén co mesmo problema de memoria. Con referencias continuas á súa relación de parella é os seus fallidos sistemas de toma de notas, a súa historia vital vai parece que de xeito paralelo, pero á fin xúntase cas outras liñas argumentais, que dependen, todas elas, simplemente dos recordos que foron creados na principal con manipulacións alleas e propias que dependeron, moitas veces, simplemente de ter un bolígrafo a man.