Idiakez, segunda fase
Superada a fase de facer experimentos nos laterais, vén a de si funciona, no lo toques. Moito máis cedo que o ano pasado, seguramente non funcione tan ben. Gran parte do éxito no resultado contra o Albacete debeuse ó plantexamento arriscado do local e iso é improbable que ocorra nos partidos en Riazor.
O Málaga plantexou un esquema defensivo destes que os entrenadores modernos e os pesados chaman bloque medio. Idiakez insiste nas roldas de prensa en querer saír tocando dende atrás porque pensa que superando co balon controlado a primera liña de presión rival, conseguirá ocasións claras. O antídoto andaluz foi unha defensa relativamente alta, pero moi posicional. Os seus dianteiros apenas saían ós nosos defensas, priorizando a recuperación de balón xa en mediocampo, que foi o que lles deu as súas mellores ocasións.
No Deportivo pasaba o mesmo, conseguía mellores ocasións cando recuperaba no centro do campo que organizando dende a defensa. Os tres mediapuntas son moi capaces de crear opcións cando o contrario está mínimamente desorganizado. A oportunidades, foi superior o local e a realidade do encontro apoia máis as decisións do noso adestrador de rizos do que o fai este artículo.
Para estes partidos de ida e volta, José Ángel é un mediocentro moito máis capaz que Mfulu, porque abarca moito máis campo con intensidade. O seu cambio debería ter chegado moito antes igual que o de Mario Soriano. Tampouco estaría mal que se fixeran estas consideracións de inicio aínda que se teña que variar o escalafón. Mella, Yeremay e Lucas Pérez acaban demasiado fundidos os partidos. O Joker pode ser titular e reservar algún deles no banco, para que estea fresco na segunda parte e poida resolver.
A mala sorte en partidos nos que o equipo foi superior é algo que xa merece unha análise máis profunda. Seguramente non sexa aínda o momento de perder os nervos. Cun pouco máis de acerto dos catro de arriba debería ser suficiente, pero tamén hai que plantexarse se precisamos un estilo que pode dar tantas opcións como tivo onte o Málaga.
Un cambio de sistema a tres centrocampistas, cun pivote e Villares acompañados por Soriano ou Patiño daría máis control e menos perdas nunha categoría na que xa non nos convén intercambiar golpes. Con todo, a miña preferencia non é a da variación táctica, prefiro unha lectura mellor dos partidos. Hai que evitar regalarlles oportunidades ós rivais nas situacións nas que está claro que as andan a buscar. Onte faltaron máis balóns longos a Barbero ou a algunha carreira de Obrador, que en ataque estaba case de extremo, para sortear a presión media do contrario.