Gran Fondo Ézaro

Gran Fondo Ézaro
Photo by Pablo Varela / Unsplash

Cando Joxean Fernández Matxín, o actual director deportivo de Tadej Pogačar, estaba a cargo do Saunier Duval, fixeron un estudio sobre a rendibilidade económica para os patrocinadores dun equipo ciclista. Aínda que tiñan no cadro de persoal a Leonardo Piepoli e Riccardo 'la cobra' Riccò, auténticos expertos en acabar ca imaxe pública dunha organización e co stock dalgúns productos farmacéuticos, estimouse que esa empresa de caldeiras e sistemas de climatización recibira un impacto positivo de catro millóns de euros.

A publicidade é o motor deste deporte. Os mesmos equipos reciben o nome dos patrocinadores, que cambia ó mesmo ritmo que o sponsor principal. As cidades de saída e chegada de etapas pagan para ser coñecidas e vistas por televisión. Hai grandes casos de éxito como Alpe d'Huez, o Mur de Huy, o Carrefour de l'Arbre ou o Kapelmuur. Un dos máis recentes é o do mirador de Ézaro. En poucos anos fíxose coñecido para ciclistas, afeccionados e turistas á procura de aparcamento en zonas intermareales. A rendibilidade económica, se non foi estimada por métodos máis ou menos científicos, poderíamola coñecer polos comentarios de comerciantes e hostaleiros do lugar e arredores. De momento, xa sabemos que hai que tardar cinco minutos máis que antes para cruzar o poboado durante o verán.

Se todo vai como indica a orde natural das cousas, non tardaremos en ter unha carreira profesional ca nosa costa de cabras favorita como protagonista. O enorme impacto mediático e a existencia desde fai uns anos de O Gran Camiño, invita a celebrar unha clásica en datas próximas á nova volta a Galicia, secadra o domingo previo para facilitar a presenza de grandes corredores. Como mínimo, semella un prato apetecible para equipos españois e portugueses que non sexan da máxima categoría. Un percorrido cun par de pasos polo hormigonado e a inclusión doutras cotas veciñas sería espectacular.

Polo de agora, hai que conformar cunha Gran Fondo, un evento cicloturista para que desfruten os fans da bicicleta, veñan un par de estrelas invitadas e as autoridades poñan medallas e saian en fotos, para iso pagan. Non quero ser moi crítico esta vez cos nosos representantes; en zonas depauperadas económica e demográficamente, son moi importantes estas iniciativas. Igual que no xadrez da época anterior ó silicio hai que buscar —o castelán é intencionado para poder usar a palabra costa— la actividad a toda costa . Apúnteno como slogan para a campaña dun candidato local á alcaldía; deberíanmo copiar antes de que se me ocorra presentarme.

Tomás Rial

Tomás Rial

O Rial