Falta solidez
Talismán Davo xa debeu renunciar a calquera mínima posibilidade de ter minutos este ano e pasea por Riazor unha mascota que me pareciu un bóxer. Xa decía Van Basten que no fútbol, se queres un amigo, tes que comprar un can. O salvador de Imanol o ano pasado en dúas ocasións, non semella que vaia perforar portería nesta tempada.
Se miramos no plantel deportivista, veremos que entre mediapuntas e dianteiros hai dez efectivos para cubrir as catro posicións de ataque que acostuma plantexar Idiakez. Son demasiados en nómina, que é culpa do director deportivo; e demasiados no campo, que é culpa do preparador.
Os tempos de xogar con catro dianteiros tíñanse que ter acabado o día do ascenso a segunda división. É unha categoría moi dura, con equipos demasiado físicos e obrigar a Mella e Yeremay a perseguir a laterais que son portentos físicos é un erro tan grave como permitir que Lucas Pérez non teña que defender a ninguén en ningún momento.
Outro defecto é que non temos suficientes mediocentros e interiores e andamos con parches cando se xuntan dúas lesións. Non hai que poñer o foco en Charlie Patiño no seu primeiro partido como titular, pero neste partido parecía un polo con demasiada cresta e a aerodinámica do Aston Martin do último GP. Tampouco hai no plantel centrocampistas de banda que sexan capaces de centrar, pisar área en segunda oleada e disparar de fóra da área en ataque; e de volver co lateral rival e cubrir ó propio ou ó mediocentro do seu lado cando saen da súa posición.
Para manter na titularidade ós xogadores de máis calidade poderíase seguir un enfoque guardiolista de posición, toque e mareo; pero os nosos atacantes son máis de último pase e regate. Seguramente funcione mellor un esquema con tres centrocampistas, unha aposta extrema pola solidez defensiva e por non regalarlle nada ó rival nin en balón quieto nin en movido. Sobra polo menos un de entre Lucas, Yeremay, Mella e o dianteiro centro, para poñer no medio do campo un mediocentro ou un interior máis.
Non ten que ser un drama. Facer que un dos agora titulares saia máis fresco na segunda parte ten tamén un beneficio físico, ademáis do táctico. Moitas veces, os mediapuntas chegan os últimos minutos cansados e sen ideas por ter que xogar demasiado tempo subindo e baixando. O que sí me parece indiscutible é Barbero, o punta máis completo para xogar máis adiantado, aínda que non estea tan acertado cara o gol como o ano pasado.
É posible que Imanol caia da burra, que unha lesión lle obrigue a acertar co plantexamento ou que o despidan e traian a outro. O que máis me gusta de Idiakez é o convencemento que teño de que traerán a un peor, así que aposto porque ó vasco lle sonría a fortuna. Senón, o mellor é traer un director técnico que exprima as características de cada un dos xogadores. A miña preferencia seguirá sendo o canguro Vázquez, un adestrador sen ideoloxía e sen prexuízos que buscará sempre a victoria aínda que para iso teña que pasar sen tirar a portería.