España abúrreme, a Eurocopa tamén

É unha pena que Arxentina non estea na Eurocopa e teña unha selección para animar, como no último mundial. Preferiría ver a Messi levantar a copa antes que ver de gañadores a Carvajal ou Dani Vivian.

De España non me gustan os porteiros, non me gustan os defensas, non me gustan os dianteiros e non sei quen é Grimaldo. Só Rodrigo e Pedri parecen futbolistas de primeiro nivel que me apeteza ver agora que Ansu Fati transita unha plaga de lesións. Con parte da convocatoria estou dacordo, como levar a Nacho que é o mellor suplente posible nas catro posicións da defensa ou, en concocatorias de 26 xogadores, levar a especialistas coma Joselu ou xogadores que están en racha, como Ayoze.

Algúns din que Lamine Yamal pode ser o crack desta selección. Eu non teño opinión sobre esto. Levo moitos meses vendo só partidos de Champions de do noso deportiviño. Do chaval non vería máis de 30 ou 40 minutos en días distintos.

O meu español favorito vai ser Ferrán Torres. Levamos moitos anos vendo fallar ocasións a Morata e é o momento de que as falle outro. Para extremo creo que non vale; non ten demasiada calidade nin desborde. Si que mete algún gol e da algunha asistencia, non sei se voluntariamente. Nas estatísticas non ten unha media goleadora moito peor que o seu compañeiro. Poñelo de dianteiro centro no seu lugar podería dar resultado e despistaría ós rivais que non saben como marcar a alguén que se atreveu a liarse ca filla do anterior xefe.

Tampouco son moito de entrenadores calvos. Prefiro os que fuman ou se levan mal ca prensa. Se aínda abrise un Twitch para contarnos a roupa interior que pon e cantos ovos cea, podería gañar a miña atención.

Non por estes motivos son tibio nas miñas preferencias, nin apoio a centroeuropeos bárbaros fanáticos da Reforma. Aposto decididamente por unha victoria católica. Descarto a Eslovenia e Polonia por calidade futbolística, a Francia por fonética traballosa e a Portugal porque non quero que gañe Cristiano. As miñas preferencias están no grupo da morte.

O sorteo foi favorable e garantiu que de Croacia, España e Italia estea un polo menos en oitavos de final, pero ben poderían ser os tres. Se os árbitros non axudan moito a Alemaña e Deschamps se equivoca un pouco, como na final do mundial, podemos ver a un dos novos estados pontificios conseguindo o título.

Desexo que os encargados de protocolo das sectas —Vaticano e seleccións de fútbol— se poñan de acordo para que Bergoglio entregue o trofeo. Se non está ben de mobilidade pode mandar un fillo ou outra persoa de confianza. O importante é que a Igrexa universal volva a ser importante en Europa. Se para eso ten que recibir algún pico dalgún presidente de Federación, non debería haber problema.

Tomás Rial

Tomás Rial

O Rial