Demasiados mediapuntas
Cos mediapuntas pasa como cos médicos. Como fan un labor de gran prestixio, hai moita xente que pensa que son todos bos. Non é o caso. Aínda que sexa por unha pura cuestión de relatividade, en tódalas profesións, de influencer a taxidermista, hainos bos, malos e regulares.
Non é infrecuente que os clubes que queren apostar por un fúbol de calidade ou que profesan unha fe guardiolista mal entendida, acaben amontoando nos seus cadros de persoal xogadores que ocupan esa posición. Cando ese clube é o Real Madrid, non pasa nada. Grazas á presión mediática, ó favor arbitral ou ós negocios legais —mediante a súa publicación no BOE— de Florentino Pérez, resólvese doadamente calquera problema na contratación.
Máis se sofre no noso deportiviño. Perseverar na contratación de xogadores de certa calidade cando os rivais se poden impoñer polo físico, o acerto cara o gol ou nos poden facer xogar en pataqueiras, conduce á frustración e á 1ª RFEF. Creo que este ano non é un erro fatal, porque os trequartistas que temos son bastante bos. O problema é que de Mario Soriano, Lucas Pérez e Yeremay, só un deles vai poder xogar na súa mellor posición.
A dificultade para xestionar esta situación non a resolve a ferramenta favorita de Imanol Idiakez para a confección de aliñacións. Fiel ó seu escalafón, só modificará a prelación de vacas sagradas por xeira catastrófica de resultados, lesións e sancións ou porque Escotet ou Inés Rey lle esixan a titularidade.
Para encaixar ós insubstituibles, houbo de poñer a Mella no lateral esquerdo. O pobre é demasiado deportivista, non leva demasiado no negocio e tampouco ten demasiado centímetros se hai que resolver o asunto por métodos de contacto físico violento. Permitiulle ó entrenador a variante máis fácil para contentar a todo o mundo menos a Petxarromán, fácilmente sacrificable despois do erro do outro día.
Non foi o plantexamento o motivo da victoria. O resultado conseguiuse a base de non facerlle concesións ó rival. En segunda división, unha das filosofías que mellor funciona é a de David Vidal, a quen calificaron sempre de defensivo cando o que en realidade facía era non regalar ocasións fáciles ó adversario.
O futuro próximo do equipo dependerá de que o corpo técnico faga a análise correcta. O erro máis perigoso é pensar que o máis destacable, que foi a posición de Mella, foi o que máis aportou. Deben poñer o foco na diferencia real cas derrotas anteriores: non cometer fallos que lle permitan ó rival goles fáciles.