Dans la maison (2012)
A primeira vez que vin esta película, decidín que o director era un xenio e púxenme a ver outras del ata que dei con L'amant double e cambiei de opinión. O xenio debe de ser Juan Mayorga, que escribiu a obra de teatro na que se basea o filme. A ver se teño oportunidade de ver algunha cousa máis del próximamente para facerme unha idea definitiva.
Germain Germain, un profesor de literatura enfadado cos novos métodos de ensino e un pouco misántropo en xeral, decide poñerlles ós seus alumnos un exercicio clásico en forma de redacción. Os estudantes son máis conservadores e manteñen os métodos de escaqueo de toda a vida: esfórzanse o xusto para non ser categorizados como suspensos inmediatos. As gacelas non precisan correr máis que o león, só máis que as gacelas máis lentas.
Durante a corrección, comenta ca súa señora a baixa calidade dos exercicios e conclúe o mesmo de tódolos anos: esta é a peor clase que tiven. Só un galo, Claude García, resiste cun texto sobre como adicou a fin de semana a introducirse na intimidade familiar do seu amigo Raphaël Artole.
Artole ten varios problemas: unha incapacidade manifesta para as matemáticas, un pai demasiado simple e enerxético do que heredou o nome completo e un amigo con tendencias maquiavélicas e voyeuristas. Se iso non é pouco, o profesor queda encantado cas composicións do infiltrado e foméntaas e disfrútaas. Cada unha delas remata cunha ameaza: continuará, à suivre.
A obsesión do profesor polos escritos dun discípulo ó que envexa polo seu talento lévaos a superar varios límites que lles traerán problemas persoais e académicos. As redaccións confúndense ca realidade cando os personaxes que observan empezan a aparecer dentro das esceas. En xeral, hai que dubidar de todo o que len e confiar só no que ven. Do que oias, nada e do que vexas, a metade.
As habilidades do alumno escritor non acaban na literatura. Ten unha capacidade sobresaínte para introducirse física e mentalmente nas vidas das persoas cas que interactúa sexa de maneira presencial ou mediante papel e bolígrafo. Tamén é un especialista en coñecer os resortes das persoas e apretalos segundo convén ós seus propósitos.
Acaba formando parte dunha caste de doble triángulo amoroso cas parellas do seu amigo e do seu mestre. O seu obxectivo amoroso é a nai do seu compañeiro, pero segundo a muller do seu mestre vai descubrindo a personalidade do adolescente, primeiro sospeita dun posible interese sexual reprimido do seu marido e despois vese ela mesma atraída polo xove escritor.
Dennis Ménochet, que lles sonara de As bestas e Bastien Ughetto acadan case a perfección nos seus simplificadísimos personaxes de Rapha pai e fillo, mentres que Emmanuelle Seigner, a nai da familia, está no punto xusto de dozura e de ausencia. Sitúase no punto no que Claude (Ernst Umhauer) pode tirar dela de maneira que pareza crible pero non segura. A outra parella fórmana Fabrice Luchini que, como actor de teatro, borda un papel feito para unha representación; e Kristin Scott Thomas, primeiro Pandora á que ninguén cre, pero finalmente realizadora dunha profecía autocumprida.
Ó final todos cambian, secadra da forma que xa tiñan que cambiar e na que Claude acabaría sendo un simple catalizador. A mellor ou a peor, hase saber xa fóra da pantalla, excepto no caso do mestre, o único que claramente sae perdendo.