Colonos de Catán

O paso dos anos e a apisonadora das circunstancias fan que os grupos de xogo que un tiña vaian desaparecendo e outros se xunten con menos frecuencia. As cousas non decaen a mellor e a cuadrilla ca que aínda boto unha partida de cando en cando seguen a negarse a cambios positivos e necesarios na escolla do material lúdico.

A súa elección preferida e case única é a do Colonos de Catán, agora xa case tan coñecido como Risk e Monopoly. Será por poucas ganas de cambiar algo que sempre lles resultou divertido ou por non aprender outras regras acabo sempre metido nun bombardeo de tiradas de dados que sempre decide o gañador.

No seu momento, foi unha evolución por introducir formas de xogo ausentes nos xogos máis coñecidos. Tamén ten o seu punto o feito de que, no turno dos rivais, todos os xogadores se poden beneficiar da tirada de dados e participar na negociación; pero xa quedou claramente superado. O seu maior defecto é a gran dependencia da sorte e das primeiras xogadas. O resto é esperar polo premio, igual que a lotaría de Nadal.

Outros clásicos modernos, como Carcassone ou Dominion, envelleceron mellor e son máis xogables aínda despois dun grande número de partidas. Os meus compañeiros de tableiro prefiren o malo coñecido porque aínda non o coñeceron suficiente e non teñen moitas gañas de coñecer outra cousa.

Tomás Rial

Tomás Rial

O Rial