Alvise, Ana Pontón e Totakeki

Non esperaba o éxito de Alvise nas eleccións europeas. Se tivese que pensar nun maracanazo de youtuber/influencer, os meus favoritos serían ElXokas ou Amadeo Llados. De SALF non sabía nada, pensaba que os bos resultados que lle daban as enquisas eran unha manobra perrosanxista.

O que quedou claro foi que un paisano cunha canle de Telegram, uns poucos vídeos e moitas ganas de meterse cos rivais políticos e metelos no cárcere ten un potencial de movilización maior que partidos políticos que aparecen en debates, como Podemos ou Ciudadanos. Malas noticias para os xornalistas dos medios de comunicación tradicionais, a menos que Ferreras ou Losantos se reconvirtan e acaben con equipo na King's League ou participando no mundial de globos.

A presenza nos medios é case o máis importante para os aspirantes a sillón remunerado. Os chimpos da pantalla ó cargo electo non acaban con Pablo Iglesias en España. Xefes de estado como Rebelo de Sousa ou Zelenski, participaron en programas de tertulia o primeiro e de entretemento o segundo pouco antes de ser elixidos.

Pero as novas xeracións ven pouca tele. Téñena máis de pantalla para o youtube e os videoxogos que para outra cousa. Seguramente tampouco estean moi mobilizados políticamente. Os que sexan capaces de gañar a súa atención poden facerse cun voto que antes non chegaba ás furnas.

Por eso me chamou a atención fai uns meses a actividade en youtube de Ana Pontón, a portavoz do BNG e candidata á Xunta. Os que queiran revisar a súa canle verán que fixo un total de 16 videos en 4 entrevistas, cuns poucos centos de visitas cada unha. Seguramente eran parte da estratexia de propaganda de cara ás autonómicas. Podería ter funcionado un pouco mellor se non fora polo undercut de Alfonso Rueda.

Parecen diálogos amables, sen conflitos. Cando saian temas políticos seguramente estean dacordo e poden sentarse preto, agachar un pouco as cabezas e encoller os ombreiros para semellar afabilidade e boa conexión personal. É un acerto contar con Pili Pampín ou con Totakeki, que son personaxes coñecidas e ás que ninguén lles ten fobia. Tamén chaman a atención de distintos grupos de idade: os que aínda van ás verbenas e os que prefiren velas por Twitch.

Calquera cousa que non leve ideoloxía é máis fácil de dixerir polo cidadán medio. O PP de Galicia fíxose hexemónico en grande parte gracias á entender a personalidade da xente do rural e xestionar os hormigonados de núcleos para poder ir en sapatillas e as contratacións de orquestas. Ós artistas do fouciño quédanlles moi lonxe Palestina ou o heteropatriarcado. Preocúpalles moito máis conseguir algunha recomendación para os fillos ou que lles leven a Panorama o día da festa e despois poder queixarse do ruído.

Tomás Rial

Tomás Rial

O Rial