A nosa lingua
En 2017, Gerard Piqué participou no referendo de independencia de Cataluña. Como nunca contou o sentido do seu voto, non se pode afirmar se era ou non independentista. O que si se pode dicir, é que estaba dacordo ca proposta de resolución da cuestión política dos nacionalistas, que son os que máis esforzo poñen por defender as linguas propias. Sen diferenzas non hai nacións; coidar o vernáculo é para eles unha cuestión de supervivencia electoral.
Uns anos despois, Piqué iniciou esta ocorrencia semifutbolística da King's League. Uns youtubers e influencers dirixen uns equipos de fútbol a 7, cunhas regras inspiradas a veces en xogos e videoxogos, que ofrece máis espectáculo nos arredores que no terreo de xogo. Case a totalidade das interaccións desta liga e da súa versión con mulleres, a Queen's League, son en español. Se falamos tamén da Copa Davis, organizada pola empresa do exfutbolista durante un tempo, a lingua máis empregada era claramente o inglés.
¿Ten Gerard Piqué algún prexuízo contra o catalán? Parece difícil chegar a esa conclusión. Máis ben hai que pensar que cas linguas que teñen poucos falantes, difícilmente se pode acadar unha rendibilidade económica que faga posibles certos eventos.
Naquela época de maior auxe do proceso intependentista catalán, vía habitualmente en youtube o programa de humor político Polònia, da TV3 catalana. Para alguén que sabe galego, español e leva trinta anos intentando aprender francés, non resulta moi difícil entendelo na versión orixinal. A miña curiosidade natural levoume a investigar cousas coma o pretérito perifrástico ou os pronomes febles e mellorei bastante a miña comprensión con pouco esforzo. Tamén me fixen afeccionado ó Crackòvia e á serie de televisión Merlí, da que seguín a primeira tempada. Vin algún partido de andebol en catalán e máis recentemente partes dos documentais sobre Cruyff e Núñez e da conversa entre Guardiola e Aitana Bonmatí.
Na miña pequena experiencia con esta lingua descubrín algo que xa esperaba. Canto máis xoves e máis de cerca de Barcelona son os falantes, máis fáciles me resultan de entender, porque están máis influenciados polo español. O mesmo pasa co meu galego, que xa é distinto de como era o de miñas avoas. Este proceso é moi difícil de parar. Se non hai periódicos, libros, películas, videoxogos ou streamers en linguas cooficiais é coma se non existiran. Ademáis, cada vez hai máis persoas que nos seus traballos e nas súas familias teñen falantes de castelán. Non quedan lugares sen contaminar.
Por desgraza, véxolle pouco futuro a catalán e éuscaro. Aínda que os seus nacionalistas gobernen e non teñan incentivos para acabar cas falas periféricas non teñen alternativa á que agarrarse. O seu destino é un esmorecemento progresivo, algo que pasará co galego tamén se non se toman as medidas axeitadas.
Como naquelas matemáticas que tantas veces nos ensinaron en castelán, la solución existe y es única: a converxencia co portugués. Os lingüistas debaten se galego e portugués son o mesmo idioma ou non. Para min, a resposta a ese debate debe ser práctica. O que convén para a supervivencia é que si as consideremos a mesma lingua.
Non hai que cambiar dun día para outro a nosa forma de falar nin de escribir. Debe ser un proceso incremental. Se o galego leva séculos converxendo co español, non imos percorrer o camiño inverso en pouco tempo. O que é preciso é ir incorporando pouco a pouco a normativa da escrita e facendo que os medios que reciben subvencións ou son públicos mostren contidos nos diferentes dialectos deste novo galego, que xa ten centos de millóns de falantes, para írmonos facendo con eles. Os informativos, programas de cine, de música, de literatura, de deportes ou os debuxos animados ocuparían espazos que agora ocupa o castelán.
Só teño un desexo por pragmatismo e por estética: non lle chamemos galego-portugués. Podemos seguir dicindo galego e eles portugués ou brasileiro, se queren. Ninguén di castelán-español e a palabra serbocroata non a empregan nin serbios nin croatas nin bosnios nin montenegrinos. Cando coinciden falantes da mesma lingua e distinto país, chámanlle naš jezik, a nosa lingua.